Foz, terra de escritores (I)

Foz conta cun interesante pasado literario.
Se aprofundamos nel, ademais das iniciativas xornalísticas de Antón Vilar Ponte, podemos atoparnos con escritores que empregaron adoito a lingua galega desde tempos do Rexurdimento.
Inserido no primeiro número de Bolanda. Cadernos de História Fozega, atopamos un artigo de Martín Fernández Vizoso que nos presenta a obra de Francisco Lourido Sánchez, poeta nacido na parroquia de Cangas de Foz no ano 1847.
Como afirma Fdez. Vizoso “A pesar de publicar centos de poemas nas principais revistas da emigración da época como El Eco de Galicia, Cultura Gallega, Vida Gallega, A Gaita Gallega ou O Novo Galiciano, entre outras, a súa obra quedou acubillada baixo un manto de silencio

Entre os poemas de Francisco Lourido xorden varios eixos temáticos, que van desde a emigración, o costumismo, as lendas da Mariña ou as lembranzas da nai e o espazo natal.
Deixamos a seguir un fragmento que reflexiona sobre unha poeta contemporánea, Rosalía de Castro.

Cando soupen que a probe Rosalía
Do corpo estaba enferma e mais da alma,
Por ela pola fala dos meus pais
Botei unha regaria.

I adoito remexendo aquela idea
Sentín que a luz do día me faltaba,
E que as tréboas da noite me envolvían
Sin achego nin patria.

Non sei canto sentín, pro no deserto
Daquel meu pensamento non atopaba Un consolo pro probe desterrado
Pro orfo unha espranza.
E inmobre, cabisbaixo, silencioso,
Coa fría inmobridade dunha estatua,
Paseime moitas horas sin saber
Siquera o que pensaba. (…)

Décadas despois Antonio Noriega Varela seguiu o camiño aberto na literatura galega. Durante a estadía na vila de Foz, o poeta de Mondoñedo deu ao prelo a obra Montañesas, unha compliación de poemas costumistas e de denuncia social.

Seleccionamos este fragmento da obra nos que critica as mudanzas sociais e a perda dos costumes propios polos alleos, mostrando especial sensibilidade coa lingua galega.

Fale meu bisavó

O que a Galicia mal queira
pode vivir sosegado:
fun o vinteoito á feira
e non vin unha monteira,
nin un dengue colorado.

Quezais alguén me non crea:
os sombreiros de Sevilla
están de moda na aldea,
e n’hai bonita nin fea,
que non chufe coa toquilla.

Os mozos son máis profanos:
¡queren parecer xitanos!,
i aí en Vilamor xa se usa
un fargallo dunha brusa
que envolve a sete peisanos.

A lengua de Rosalía,
rico caudal de harmonía
que prendou a Castelar,
moitos n’a saben falar,
i os máis non lle teñen pía.

Nunha etapa ben menos propicia para a literatura galega, no ano 1966 en plena ditadura fascista de Franco, celebráronse impulsados por Suso Fernández os I Xogos Frorales de Foz.
No certame poético venceu o poeta da Terra Chá Manuel María. O autor da Escola da Tebra viu publicada a súa obra baixo o título de Versos Froulecidos en Louvanza de Foz.

Grazas á colaboración do proprio Suso, podemos reproducir tres fermosos poemas que seguen a tendencia neotrobadorista, recreando os modelos da literatura medieval galego-portuguesa.

Cantiga á terra

Terras de Foz, de arado e mais de pan
dende os agros de Fondós ós de Marzán.
E vou namorado.

Terras de Foz, de millo e de centeio,
nas que quero sementar o meu anceio.
E vou namorado.
Terras de Foz: ¡estais a ollar a ría,
mentras canta, no monte, a cotovía…!
E vou namorado.

Terras de Foz, sucadas polo arado
que vai voltando amor o sementado.
E vou namorado.

¡Terras de Foz, de sucos e timón:
hai que poñer na terra o corazón!
¡E vou namorado
das ondas do mar irado!

Cantiga ó mar

O mar de Foz, amiga de ronseles floridos
polo que navegan os versos máis belidos.
Eu a navegar.

O mar de Foz, amiga, de escumas como rosas
e as ondas namoradas a cantar presurosas.
Eu a navegar.

O mar de Foz, amiga, de gaivota e navíos
leva por mareas ós soños máis esguíos…
Eu a navegar.

O mar de Foz, amiga, de rexos mariñeiros,
ten camiños de gozo e camiños tristeiros.
Eu a navegar.

E a ría de Foz, amiga, ¡qué leda muiñeira
se a brisa a navega, cantadora e lixeira…!
¡Eu a navegar
tan soio no teu mar!


Cantiga de cada día

Vin en Foz, nos días duros do traballo,
ós homes dos astilleiros i o trasmallo.
Qué ledicia meu amor!

Eu vín en Foz, subir ó outo ceio puro,
o fume das industrias, mesto, escuro.
Qué ledicia meu amor!

Eu vín en Foz a seitura e mais a malla
e convivín co povo nobre que traballa.
Qué ledicia meu amor!

Vín en Foz patrós de pesca e mariñeiros.
Vín armadores, labregos, conserveiros…
Qué ledicia meu amor!

Eu vín en Foz a cada un co seu afán
traballando arreo pra ganar o pan.
Qué ledicia meu amor,
ver como cunde a labor!

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s