Comercio galego


En Foz utilízase a lingua galega para pór o nome á maioría de locais comerciais. Este emprego do galego tamén se ve reflectido na ACIA Foz, pois a asociación de comerciantes local emprega o galego na totalidade das súas actividades e promocións.
Nalgúns casos o uso do galego só se deixa ver no exterior dos negocios, coma se só achegase un pouco máis de “autenticidade” á empresa.

É posíbel que o feito de bautizar aos negocios en galego engada a unha empresa connotacións de “tradicional”, “propio” ou “antigo” que favorezan que o consumidor se sinta identificado co negocio e facilmente o asocie á vila, xerando unha actitude positiva cara á tenda.
Non é doado de explicar porque se nalgúns casos a lingua galega é vista como positiva para a actividade empresarial, o uso do galego desaparece de portas para dentro, onde o compromiso para a utilización da lingua diminúe.
Porén, en moitos outros locais a presenza do galego déixase ver tamén nos pequenos aspectos, como a rotulación, os horarios, os prezos e o nome dos produtos, usando con normalidade a lingua en todos os aspectos da actividade comercial nos diversos sectores, xa sexan talleres mecánicos, xoierías, tendas ecolóxicas ou peixerías.

Un dos pioneiros no uso do galego no ámbito comercial en Foz foi o focense “Caxé”, quen nos achegou fotografías dalgunhas iniciativas comerciais dos anos oitenta e noventa cos primeiros rexistros do emprego do galego neste ámbito.

Fotos tenda de conxelados

Unha das principais actividades económicas da comarca, a hostalería, destaca polo baixo uso que fai da lingua galega. O galego resístese a entrar nos menús e na rotulación deste sector. Só aparece esporadicamente en contados locais da vila. En Foz só atopamos un local que emprega a lingua con normalidade, o chiringo do porto A Dársena, onde podemos atopar os menús da lousa informativa en galego.

A lingua das oportunidades


As campañas normalizadoras da Federación Galega de Comercio e da ACIA Foz axudaron a que na tempada das rebaixas de verán os comercios da vila amosasen os descontos en galego. Deste xeito podemos afirmar que en Foz a língua galega úsase con normalidade nos diferentes sectores para as oportunidades de negocio.

O galego non ten horarios

ScreenShot004
Nun significativo número de locais comerciais da vila, os horarios móstranse ao público en galego, ás veces utilizando as formas dialectais do galego mariñán.