Talvez Foz Linguaviva sexa un estudo sociolingüístico.

IMG_20121007_134840_0

Era o verán de 2012 e daquela andaba no Servizo de normalización lingüística do concello de Foz, nome longo para un organismo no que traballaba só eu a media xornada…
Ao descubrir a vila da Mariña chamárame a atención o de sempre: a maioría da xente falaba en galego de xeito habitual, mais como acontece no rural ou nas poboacións pequenas, o uso da lingua galega baixaba até case desaparecer na escrita. É dicir, para estarmos en Galiza, o normal.
Aí está o problema. Por que chega a parecernos normal falar e pensar nunha lingua e escribir noutra lingua diferente? A resposta á pregunta non é fácil: Sechu Sende contounos que foi culpa d’O Ladrón de palabras no seu libro Made in Galiza, outros menos poéticos dixeron que é por causa das inercias provocadas polo rexeitamento do galego desde hai séculos polos sectores do poder. (diglosia).

Chamémoslle como lle cadre, mais o certo é que nun simple paseo por Foz contemplamos como o galego case desapareceu das rúas, queda reducido unicamente a sons orais que duran uns poucos segundos. É como se ficase limitado a un uso coloquial, como se quedase trancado nas casas, pechado con dúas voltas de chave… Cadê a língua? que dirían os brasileiros.
De alí a uns días deu comigo a xente do Modelo Burela, capitaneados por Bernardo Penabade, quen me amosou unha vez máis o que xa sabía: que nos asuntos da cultura avánzase moito comezando polas cousas pequenas.

É necesario mostrar onde o galego está presente e onde non. E, á vez que amosamos isto, dámoslle visibilidade ás persoas que traballan polo galego na vila…dixo el.

E así comezou a liada, como lle chamou Anxo Rivas, o de RadioFoz. Un proxecto que pasou a chamarse Foz Linguaviva, e que consistiu nunha pesquisa sobre a presenza (e ausencia) do galego escrito na vila de Foz. O estudo, que partiu dunha análise sociolingüística previa, a partir de datos achegados polo propio Bernardo, contou coa colaboración veciñal e acadou unha notábel repercusión nese verán na comarca da Mariña.

De alí en adiante, mentres avanzaba coa investigación, pasei a coleccionar un feixe de papeis que se amoroaban na casa de Marzán e a tirar centos de fotografías coma se quixese retratar a vida toda dunha vila que non deixaba de mudar naqueles días debido á chegada dos “madrileños”.

Como o “coiso” non paraba de medrar comezaron a xurdir as dúbidas acerca de se aquilo algunha vez tería fin. Dúbidas que só se resolveron cando nun paseo descubrín un grafite na antiga areeira de Fazouro. O grafite escrito con letra redondiña e feito cun spray cor de rosa dicía: Kevin, ♥ Quérote.
E aí xa estivo todo claro. Non había volta atrás: unha adolescente que gasta os poucos cartos que ten en mercar un spray cor de rosa, para escribir en galego unha frase así, non pode estar enganada. A investigación tiña que saír adiante!

E así, un ano e varias mudanzas de cidade despois, chega á rede baixo a forma de blogue Foz Linguaviva, unha toma de conciencia do baixo uso do galego escrito na Mariña lucense e un agradecemento a todos cantos usan a lingua galega na vila de Foz.