A historia de Foz escríbese en galego.

suso
Son moitas as entidades e persoas que traballan para que non se perda a historia de Foz.
Mención especial merece Suso Fernández López, cronista oficial da localidade. “Suso do Bahía” como é coñecido, debullou como un protagonista máis a intrahistoria local ao longo de moitos artigos, crónicas ou discursos.

Suso, ademais de colaborador habitual de medios como El Progreso e Cronica3.com, é autor de obras como Foz: o mar e as xentes, Librería Bahía, Foz, 1997, Miscelánea focense, Bahía, Foz, 2005 e Cartafol de Foz, Bahía, Foz, 2011 nas que narra os detalles e pequenas historias dun Foz pasado.

O historiador Juan R. Fernández Pacios xunto coa técnica local de cultura Pilar López Pérez publicaron o estudo Foz. Recuperación da memoria histórica, Deputación de Lugo, 1993. Obra que analisa a historia das invasións normandas que sufriu a vila.

Outro prolífico autor acerca da historia local é Xesús Basanta Martínez (Xesús do Breogán), quen abordou entre outros asuntos a historia do cine en Foz. Perfecto coñecedor da costa mariñá, Xesús deu ao prelo o excelente estudo Hidronimia e Historia da Costa de Foz, no que describe o importante pasado pesqueiro da localidade.

A historia local merece unha posta en valor, e deste xeito O Equipo de Normalización Lingüística do C.E.I.P. Fondo Nois elaborou dentro das súas actividades varias publicacións acerca de aspectos da cultura popular da localidade, como é a historia dos lavadoiros, cabozos e pozos e a recollida do argazo (olga) nas praias.

A dinámica asociación A pomba do arco, xa mencionada noutras entradas deste blogue vén celebrando desde o ano 1997 as Xornadas de Historia Local.
Ademais de múltiples ponencias que abordan variados aspectos da historia da localidade, destas xornadas xurdiu en 1997 a publicación de Um povo com memória própria, I Xornadas de historia de Foz e de dous volumes da revista Bolanda, Cadernos de História Fozega, o último deles de 2003.

Nesta interesantísima publicación, de inspiración cunqueirá, atopamos artigos que analisan a evolución da vila desde os poboados prehistóricos orixinarios, como os castros de Fazouro ou Marzán até a actualidade, pasando polo importante papel desempeñado na Reino Suevo medieval da parroquia focense de San Martiño de Mondoñedo.

A lingua galega non só se emprega na vila para escribir a historia local. Outros autores focenses como Luis Gonzales Blasco (Foz), publicaron obras que achegan información sobre diversos aspectos da historia recente de Galiza.

Leave a comment