Foz, terra de escritores (II)

luisa castro
Filla de mariñeiros, a focense Luísa Castro, aínda que máis coñecida pola súa obra en castelán, escribiu en galego o poemario Baleas e baleas, Esquío, Ferrol, 1988, do que procede o poema Miña nai traballa nunha fábrica de conservas, musicado posteriormente por Pilocha.

a

Miña nai traballa nunha fábrica de conservas.

Miña nai traballa nunha fábrica de conservas.

Un día miña nai díxome:
O amor é unha sardiña en lata. ¿Ti sabes
Cómo se preparan as conservas
En lata?
Un día miña nai díxome: o amor é unha obra de arte
En lata.
Filla,
¿sabes de onde vés? Vés
dun viveiro de mexillóns
en lata. Detráis da fábrica, onde podrecen
as cunchas
e as caixas de peixe. Un fedor imposible, un azul
que non vale. De alí vés.
Ah! Dixen eu, entón son a filla do mar.
Non.
Eres a filla dun día de descanso.
Ah! Dixen eu,
Son a filla da hora do bocadillo.
Sí, detráis, entre as cousas que non valen.

Anos máis tarde, das súas colaboracións en galego no xornal La Voz de Galicia entre 2000 e 2006 xurdiu a escolma de artigos Melancolía de sofá, Ed. Xerais, Vigo 2010.

Tamén focense e poeta é Paco Rivas, quen nos deixou fermosos versos nas obras Entre Nois e Pena Orxal, Concello de Foz, 2009 e Camiñante de Ningures, Follas Novas, Santiago, 2012.

<

Os dous poemarios están ilustrados polo ceramista e artista plástico da Mariña Alfonso Otero Regal.
A seguir deixamos un texto do seu primeiro poemário:

E se hei de morrer que sexa
levado por catro ondas
por un camiño de area.

E se hei de morrer que sexa
apagada a luz da aurora
e acesas do ceo as velas.

E se hei de morrer que sexa
soterrado en brisa morna
co canto dunha serea…

Se hei de morrer que así sexa!

Comezando unha prometedora carreira poética está a tamén filóloga Laura Blanco, quen publicou Doenças dum espelho, Corsárias, Criação, 2012, un poemario onde os versos mariños veñen salpicados de mitos clásicos.

Tiramos desta obra un fragmento:

Na dársena
o homem vista ao longe procurava
as montanhas e a derrota.
Deixara por um acaso de fortuna
os créditos da alma na gaveta,
saíra da casa trás fechar a porta
dum mundo iniciado para si,
e partiu de mãos vazias com os pés atados à cabeça.
Na hora do crepúsculo deste homem ocidental
as ruas deixaram de ser transcendentes,
mais ainda do que o asfalto que o transportava
do ponto de partida à ausencia do destino.

Outros focenses achegáronse á literatura como un xeito para compartir as súas lembranzas. É o caso de “Caxé”, quen co poemario Ausencia presente, Concello de Foz, 2012, fala dun Foz xa pasado. Tamén o mestre Ramon Reimunde cóntanos as súas experiencia no Gran Sol seguindo a costeira do bonito na novela A Costeira.

Desde o mes de febreiro de 2010 o Clube de Lectura da Pomba do Arco vén axudando a difundir a literatura galega actual entre os seus membros.

kiki

Lecturas colectivas, comentarios de obras e reunións con escritores actuais, como a compostelá Rosa Aneiros fan parte das súas actividades.

Esta mesma asociación, A Pomba do arco, axudou a difundir a obra dos autores focenses ao publicar a obra colectiva Pedimos a palabra, escolma poética focega.

Nesta publicación atopamos versos de afeccionados á poesía da vila como Xoán de Tanana, Primi Nécega, Paco Maldonado, Xosé de Socorro, Raquel Río, Manuel Cruz Bustamante, Manuel García “O Bolico”, Francisco Soto, Xesús de Breogán, Ramón Xosé Fraga “Caxé”, Sara Palmeiro ou Xosé Fraga.
Seleccionamos a seguir varios poemas deste volume que tamén foi ilustrado por artistas da localidade.

Xoán de Tanana
Canto á praia de Llas

Praia de Llas
onde moran as sereas
onde veñen polas noites
a contarlle moitas verbas
a todos os namorados
que se tumban nas areas
e que esperan polas noites
mentres miran as estrelas
que pola Pena do Val
aparezan as sereas
e que se tumben na praia
e estar moi preto delas
e que contes os amores
con aquelas doces verbas
que tiveron noutros tempos
e que viven dentro delas
amores apaixonados
amores, de fama eterna
amor que de tanto amar
así quedaron sen pernas
castigo que lles deu Dios
castigo que cantan elas
cun deses doces cantares
que namoran ás parellas
que de noite van a Llas
a tumbarse nas areas

IMG_20130813_090737_0<

Sara Méndez Palmeiro

Toda a miña vida paseina esperándote…
e apareciches unha ou dúas veces pero…
fuchestes do meu lado…
non eras tu.
Nunca, nunca, fuches tu…
E pregúntome se será tarde amor meu para atoparte.
Só sei que se hai Deus fará xusticia.
Pero pídolle que se me atopas nunca te vexas atado,
voa amor…voa meu amor…
voa sempre moi alto.

A Biblioteca municipal da localidade contribuíu tamén á que a poesia dese un pequeno pulo na localidade, ao convocar no ano 2012 un Concurso de poemas de amor.