o galego e a publicidade


Nos rótulos publicitários de Foz emprégase o galego nunha pequena medida por parte das empresas locais. Esta porcentaxe aínda diminúe no caso das grandes empresas establecidas na vila. Ás veces mesmo aínda que estas empresas sexan galegas, como é o caso de Gadis, tampouco utilizan a lingua maioritaria na Mariña.


A situación é ben máis positiva se ollamos para as caixas que acostuman recoller os folletos publicitarios. Estas están rotuladas en galego nun bo número de fogares grazas a que a empresa que as comercializa ofrece adhesivos en todas as linguas oficiais do estado español.
Á hora de rotular os vehículos, as empresas non acostuman usar o galego, aínda así demos con algunhas furgonetas e remolques de camións na nosa lingua.

O asociacionismo exprésase en galego


A ampla maioría das asociacións de Foz empregan o galego como lingua habitual nas súas actividades. Este feito tamén é habitual no conxunto da comarca da Mariña, onde se amosa unha vontade clara de estender o uso da lingua nas afeccións. Grupos como Os Sendeiros, A Banda de Música de Foz, A Asociación Folclórica e Cultural A Subela, A Acia de Foz ou a Asociación Deportiva Santiago de Foz empregan con normalidade a lingua galega
para publicitar os actos.


Algunhas destas asociacións como A Subela, ACIA Foz , o Feitizo e Os Sendeiros tamén difunden as súas actividades na rede, e do mesmo xeito que fan na vida real, tamén na net empregan a lingua galega en blogues e páxinas.
<

A lingua por palabras: precísase…


Os focenses empregan o galego para os pequenos anuncios redactados por particulares. Este uso non é total, pois en ocasións o feito de que estean orientados cara aos visitantes da vila fai que dubiden da utilidade do galego para chegar a un grande número de destinatarios.

O galego: lingua do alén


Grazas ao negocio de arte floral de Ana Fabeiro podemos afirmar que o 98 % dos focenses teñen dereito a un enterro na lingua na que desenvolveron a súa vida, o galego.


Este negocio, que tamén actúa de axencia funeraria, estende o seu labor normalizador a outras celebracións sociais coma vodas ou bautizos ao empregar con normalidade o galego a nivel interno na publicidade, recordatorios, lápidas, etc…
Nunha visita a alguns camposantos de varias parroquias da vila como Nois, Cangas e Fazouro, podemos observar que a lingua galega está presente nas palabras de lembranza que os familiares deixan para os seus seres queridos.

As pequenas comunicacións das igrexas e cemiterios tamén están redactadas en galego grazas á iniciativa dalgúns párrocos de parroquias como Fazouro ou San Martiño.

O galego nos medios de comunicación focenses


Cabeceiras de publicacións que empregaron parcial ou totalmente o galego na escrita en Foz.

Haberá que esperar até as décadas finais da ditadura franquista para que unha publicación recolla colaboracións en verso e prosa na lingua galega. Referímonos Á Rapadoira, da Peña Cultural A Rapadoira e impulsada por Suso Fernández, cronista ofical de Foz na actualidade.
Xa nos comezos da democracia outras publicacións como Rompeolas, ou Despertar, voceiros do Clube Naútico de Foz e da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz (ACIA) introducen columnas escritas na nosa lingua.

Esta perda progresiva de protagonismo das publicacións editadas en Foz fai que a día de hoxe, só se redacten en galego publicacións escolares como Vieiro, do Colexio Martínez Otero, ou ben as revistas editadas pola comisións das Festas do San Lourenzo, o C.D. Foz, ou as peñas do Entroido, cun contido maiormente publicitario e de carácter local debido ao fin que perseguen: a recadación de diñeiro para a celebración de festividades e outras actividades.

En Foz existen poucos medios de comunicación local escritos en galego; por exemplo, no sector audiovisual só existe Radio Foz, emisora que emite integramente en galego).

Debemos referirnos á difusión que ten en toda a Mariña o xornal dixital Crónica 3. Esta é unha publicación de actualización diaria, con grande alcance de audiencia en Foz, no conxunto da Mariña e mesmo entre persoas orixinarias da localidade e da comarca que están residindo fóra delas por motivos de estudos ou de traballo. O Crónica 3, ao carecer de equipo específico de redacción, publica moi poucos contidos de elaboración propia e actúa como espello das numerosas notas de prensa que lle son enviadas, limitándose a elaborar a versión galega naqueles casos en que non está en galego o orixinal. A través da información publicada día a día observamos que a publicación é a día de hoxe un punto de encontro para toda a Mariña, con independencia do punto xeográfico desde o que se emite a información e tamén con pluralismo no referente ao perfil ideolóxico de quen xere as noticias. En Crónica 3 publican os executivos municipais dos quince concellos da comarca e publican tamén os grupos da oposición municipal; e igual que o fan os diferentes organismos institucionais tamén publican as súas informacións e opinións os máis diversos colectivos impulsados pola sociedade civil. Na sección de opinión colaboran asiduamente, entre outros moitos persoeiros da vida cultural da comarca, Suso Fernández (Cronista Oficial de Foz); Otero Regal (Ceramista de Viveiro) e Emilio G. Legaspi (profesor de Cervo).

Ao visitarmos a Biblioteca Municipal de Foz, reparamos en que das poucas publicacións periódicas e xornais publicados actualmente en galego, pódese consultar a revista Tempos Novos, de periodicidade mensual.
<

A lingua das oportunidades


As campañas normalizadoras da Federación Galega de Comercio e da ACIA Foz axudaron a que na tempada das rebaixas de verán os comercios da vila amosasen os descontos en galego. Deste xeito podemos afirmar que en Foz a língua galega úsase con normalidade nos diferentes sectores para as oportunidades de negocio.

O galego non ten horarios

ScreenShot004
Nun significativo número de locais comerciais da vila, os horarios móstranse ao público en galego, ás veces utilizando as formas dialectais do galego mariñán.

Os sinais da lingua


Ás veces na sinalización oficial, e noutras ocasións por medio de cartaces ou letreiros, o certo é que o galego protagoniza a rotulación da vila. Mesmo nas pequenas indicacións que facilitan a vida cotiá ou tratan de conservar os nomes populares dos espazos atopamos presente a lingua galega con normalidade.

Só nalgunha situación esporádica como a que segue podemos atopar que a iniciativa privada ás veces vai diante da pública no uso do galego na sinalización.

A lingua non entra nas casas


O sector inmobiliario focense mostrouse coma un dos ámbitos onde o galego tiña menor presenza na vila. Unha das posibles causas pode estar en que a maioria da oferta inmobiliaria estivese dirixida para os visitantes que recibe a vila no verán procedentes de fóra de Galicia.
Só atopamos a lingua galega nalgúns esporádicos anuncios feitos por particulares que venden ou alugan unha propiedade. Despois de comentar este feito na ferraxería local, respondéronnos que pese a ter rótulos de compra-venda en galego, até o momento ninguén se interesara por eles…o que dá unha mostra dos atrancos que para a normalización do galego causan as inercias no uso (ou desuso) da língua.


A língua galega si que emprega con normalidade á hora de pórlle nome aos edifícios, ben sexan construcións tradicionais ou ben novas promocións inmobiliarias. Son frecuentes as casas de Foz que por motivos afectivos, locais ou folclóricos posúen un nome galego que as identifica.
Na sinalización das vivendas atopamos a língua galega nalgunhas caixas para deixar a publicidade, e en menor medida nos avisos da presenza de cans.

Os movementos sociais exprésanse en galego

Imaxe

 

A maioria dos focenses teñen como lingua materna o galego, de aí que esta sexa a lingua mais próxima aos seus sentimentos. É por iso que cando expresan as súas inquedanzas ou protestan contra as inxustizas, empregan o galego.
Deste xeito, podemos atopar na vila mostras do uso do galego en diferentes soportes mostrando queixas e opinións políticas que exercen como voceiro dos diferentes movimentos sociais.

<