O galego nos medios de comunicación focenses


Cabeceiras de publicacións que empregaron parcial ou totalmente o galego na escrita en Foz.

Haberá que esperar até as décadas finais da ditadura franquista para que unha publicación recolla colaboracións en verso e prosa na lingua galega. Referímonos Á Rapadoira, da Peña Cultural A Rapadoira e impulsada por Suso Fernández, cronista ofical de Foz na actualidade.
Xa nos comezos da democracia outras publicacións como Rompeolas, ou Despertar, voceiros do Clube Naútico de Foz e da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz (ACIA) introducen columnas escritas na nosa lingua.

Esta perda progresiva de protagonismo das publicacións editadas en Foz fai que a día de hoxe, só se redacten en galego publicacións escolares como Vieiro, do Colexio Martínez Otero, ou ben as revistas editadas pola comisións das Festas do San Lourenzo, o C.D. Foz, ou as peñas do Entroido, cun contido maiormente publicitario e de carácter local debido ao fin que perseguen: a recadación de diñeiro para a celebración de festividades e outras actividades.

En Foz existen poucos medios de comunicación local escritos en galego; por exemplo, no sector audiovisual só existe Radio Foz, emisora que emite integramente en galego).

Debemos referirnos á difusión que ten en toda a Mariña o xornal dixital Crónica 3. Esta é unha publicación de actualización diaria, con grande alcance de audiencia en Foz, no conxunto da Mariña e mesmo entre persoas orixinarias da localidade e da comarca que están residindo fóra delas por motivos de estudos ou de traballo. O Crónica 3, ao carecer de equipo específico de redacción, publica moi poucos contidos de elaboración propia e actúa como espello das numerosas notas de prensa que lle son enviadas, limitándose a elaborar a versión galega naqueles casos en que non está en galego o orixinal. A través da información publicada día a día observamos que a publicación é a día de hoxe un punto de encontro para toda a Mariña, con independencia do punto xeográfico desde o que se emite a información e tamén con pluralismo no referente ao perfil ideolóxico de quen xere as noticias. En Crónica 3 publican os executivos municipais dos quince concellos da comarca e publican tamén os grupos da oposición municipal; e igual que o fan os diferentes organismos institucionais tamén publican as súas informacións e opinións os máis diversos colectivos impulsados pola sociedade civil. Na sección de opinión colaboran asiduamente, entre outros moitos persoeiros da vida cultural da comarca, Suso Fernández (Cronista Oficial de Foz); Otero Regal (Ceramista de Viveiro) e Emilio G. Legaspi (profesor de Cervo).

Ao visitarmos a Biblioteca Municipal de Foz, reparamos en que das poucas publicacións periódicas e xornais publicados actualmente en galego, pódese consultar a revista Tempos Novos, de periodicidade mensual.
<