O galego nas publicacións focenses II. As primeiras revistas


Se ben na primeira publicación periódica publicada en Foz, o xornal El Automóvil non atopamos ningunha colaboración redactada en galego, poucos anos despois no xornal satírico Guau Guau, iniciativa de Antón Vilar Ponte, Antón Noriega Varela e Camilo Cela, xa rexistramos as primeiras colaboracións en galego.
No fácsimil deste xornal publicado en 1906 atopamos versos en galego de Daniel Pernas Nieto e Antonio Noriega Varela.


Anos mais tarde, na Segunda República Española, publicou-se en Foz o xornal Despertar, de ideario republicano. nesta publicación que naceu en abril de 1936 aparecen textos de carácter costumista que louvan as belezas da vila. Entre os autores de poemas con títulos como Na festa d’Obispo Santo, Peixeiriña, Saludando a Foz ou a Foz Enxebre atopamos a Remedios Blanco Otero, Antón Noriega Varela e Cándido Fanego López. Podemos ler tamén en galego nesta publicación un pequeno e novidoso manifesto redactado en prosa que leva o título Adiante!!!.

O aumento da presenza do galego na prensa focense tivo unha brusca interrupción co golpe de estado de Franco só uns meses despois. Como exemplo da ruptura co ambiente galeguista e de progreso que se vivía na República, a festa galega que ía inaugurar na vila o Cine Cageao o vinte e cinco de xullo…nunca chegou a celebrarse.

Na longa noite de pedra que significou a ditadura fascista de Franco a presenza pública da lingua galega foi eliminada e así temos que esperar até o mes de abril do ano 1962 para que o galego volte aparecer na prensa focense.
Foi na portada da revista A Rapadoira, impulsada por Suso Fernández (a quen agradecemos a cesión destes xornais) onde aparecen estes destacados versos que protagonizan o retorno do galego en Foz ao ámbito escrito tras o golpe de estado.

O millor viño, o d’a adega
a millor carne, a d’a alcatria
a millor terra, a d’a patria
a millor patria, …a gallega!

Nos primeiros números desta publicación atopamos fragmentos de textos de Antón Noriega Varela na sección Semblanzas e un especial de Rosalía de Castro no apartado de poetas galegos.

Leave a comment